Cada dous anos, a Sociedad Española de Genética (SEG) concede os seus premios nacionais como recoñecemento ao labor científico dos investigadores máis destacados neste campo. Neste 2021 o catedrático da Universidade de Vigo Armando Caballero foi un dos dous científicos galardoados pola sociedade estatal, neste caso na modalidade básica. O xurado decidiu outorgarlle esta distinción ao investigador principal do Grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética “polas súas achegas á xenética cuantitativa, evolutiva e da conservación, e especialmente na predición do censo efectivo de poboación, a comprensión da base xenética das mutacións espontáneas con efecto sobre a eficacia biolóxica, e o desenvolvemento de técnicas de análise e manexo de poboacións en conservación”. Xunto con el, recibiu o premio nacional na modalidade aplicada, Andrés Aguilera López, catedrático de Xenética da Universidad de Sevilla.
No acto de entrega destes premios, patrocinados pola Fundación Pryconsa, Caballero agradeceu a concesión dun galardón que, recoñecía, “faime tremendamente feliz”. Valórao como unha distinción importante, “porque o nivel dos galardoados é moi elevado, incluíndo notables investigadores da universidade e o CSIC. De Galicia, por exemplo, concedéronllo a Ángel Carracedo en 2015”.