As prácticas realizadas en entidades externas (empresas, institucións) constitúen unha materia de 6 ECTS, denominada Prácticas Externas, de carácter optativo, ofertada no segundo semestre do derradeiro curso do Grao en Bioloxía. Estas prácticas teñen coma obxecto facilitar a preparación do estudantado para o exercicio profesional a fin de mellorar a súa incorporación ao mundo laboral.
O Real Decreto Lei 2 2023 do 16 de marzo, engadiu unha nova disposición adicional na que se regula a inclusión no sistema da Seguridade Social do estudantado que realice prácticas académicas externas incluídas en programas de formación. No caso de prácticas curriculares, os gastos derivados así como a tramitación na Seguridade Social son responsabilidade da Universidade de Vigo. No caso de prácticas extracurriculares (estudantes non matriculados na materia de Prácticas Externas), son responsabilidade da empresa ou entidade na que se leven a cabo as prácticas.
Para poder realizar prácticas externas, o estudantado debe ter superados polo menos o 50 % dos créditos da titulación (120 ECTS). Os estudantes de terceiro que queiran realizar prácticas curriculares no verán, terán que facer unha ampliación de matrícula no prazo establecido para incluír a materia de Prácticas Externas.
A entidade receptora debe ter asinado un convenio de cooperación educativa coa Universidade de Vigo. A raíz da nova lei, tódolos convenios perderon validez o 1 de xaneiro de 2024, polo que se están renovando segundo sexan necesarios para que os estudantes fagan prácticas nunha determinada empresa/institución. Nesta lista, pódense consultar as entidades públicas e privadas que teñen un convenio activo, así como aquelas que non o renovaron aínda pero que acolleron alumnos en cursos anteriores.
Os estudantes poden poñerse en contacto con entidades do seu interese e, de seren aceptados para a realización de prácticas e non haber convenio activo, deben proporcionar ao coordinador de prácticas unha persoa de contacto para que a Universidade poida xestionar o convenio un mes antes do inicio das prácticas.
Para o desenvolvemento das prácticas aprobouse en Xunta de Facultade o Regulamento de Prácticas Externas da Facultade de Bioloxía, elaborado seguindo a normativa correspondente do MEC e da Universidade de Vigo, no que se regula toda a xestión relacionada co proceso de solicitude, adxudicación, realización e avaliación das prácticas.
Na actualidade, as prácticas externas curriculares hai que formalizalas a través da aplicación informática desenvolvida para tal fin; polo tanto, é necesario que o coordinador/a da materia dispoña de toda a información necesaria, que se proporcionará a través do Anexo 0, dúas semanas de antelación ao inicio previsto das prácticas.
No caso de prácticas extracurriculares, a xestión faise a través da Fundación Universidade de Vigo (Fuvi). Os estudantes interesados teñen que poñerse en contacto coa Fuvi un mes antes do inicio das prácticas e posteriormente recibirán información da mesma para a formalización.
Durante a realización das prácticas externas, o estudante conta coa supervisión dun/a titor/a na entidade receptora (titor/a externo/a), que debe ser titulado/a superior, e un/a titor/a na facultade (titor/a académico/a), encargados de velar polo correcto desenvolvemento do proxecto formativo establecido ao comezo das prácticas e incluído no documento de formalización da práctica (Anexo I). Este documento, xunto co Anexo II (Declaración responsable da entidade colaboradora) e o Anexo III (Compromiso do/a estudante), debe estar debidamente firmado ANTES de iniciar o período de prácticas. Estes tres anexos serán proporcionados polo titor académico unha vez recibido o Anexo 0 debidamente cumprimentado.
A avaliación das prácticas inclúe a cualificación polo titor/a externo/a da actividade desenvolvida polo estudante (Anexo IV) e a cualificación que o titor/a académico/a fai da memoria de prácticas presentada polo estudante.
Por outra banda, o estudantado tamén deberá opinar sobre as prácticas externas (Anexo VI). No caso de que se queira modificar/rescindir unha práctica, será necesario poñerse en contacto co titor/a académico. Os titores das entidades colaboradoras poderán solicitar un certificado de participación ao titor/a académico.
As prácticas extracurriculares, non se poden convalidar pola materia de prácticas curriculares.
Prácticas externas curriculares 2024/2025
- Oferta de prazas
- Listaxe provisoria de asignación de prazas
- Listaxe definitiva de asignación de prazas