Dende hoxe luns e ata o xoves as facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química celebran a súa semana grande na honra do seu patrón, San Alberte. Como cada ano, os tres centros únense para artellar unha programación cultural e lúdica aberta a toda a comunidade universitaria que arranca, como en todas as edicións, coa exposición micolóxica. A mostra, impulsada pola spin-off da Universidade de Vigo Mycogalicia Plantae, xa se pode visitar no vestíbulo do edificio de Ciencias Experimentais e nela pódense observar algunhas das especies de fungos máis comúns en Galicia e outras menos habituais, coñecer as especies comestibles e tamén as características das tóxicas.
A programación continúa mañá martes coa conferencia da bióloga e profesora xubilada da UVigo e especialista en micoloxía Marisa Castro titulada Medicina popular e curandeirismo. A cita será no salón de graos ás 12.00 horas.
O xoves, día grande
O xoves será o día central dos eventos na honra de San Alberte. Os actos arrancan ás 12.30 horas no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais cunha conferencia a cargo de Xurxo Mariño, biólogo, neurocientífico, profesor da Universidade da Coruña e divulgador científico, que falará sobre “o sorprendente desenvolvemento do cerebro humano”. Ás 13.30 horas terá lugar a entrega de premios aos gañadores do 20º Concurso de Fotografía Científica, que cumpre 20 anos á procura da mellor instantánea que reflicta os aspectos máis espectaculares, descoñecidos ou curiosos da ciencia. Para conmemorar esta celebración, este ano ademais de expoñer as obras presentadas a esta edición, tamén se amosará unha selección das obras premiadas en edicións anteriores. A exposición poderá visitarse entre o día 16 e 30.
Xa pola tarde, de 15.00 h a 18.00 h, as persoas interesadas poden participar na experiencia 360 Mergullando sen nos mollar que ofrece 13 Grados e para a que é preciso inscribirse enviando un mail a pombal@uvigo.gal
Paralelamente, as delegacións de alumnado dos tres centros organizan, na zona verde anexa á cafetaría do edificio de Ciencias Experimentais, un magosto con xogos populares, actividades variadas e música en directo.