A Facultade de Bioloxía, a primeira do SUG en renovar a certificación da implantación do SGC do centro

No ano 2008, antes da implantación dos títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acadou a certificación do deseño do Sistema de Garantía de Calidade (SGC), que contén o Manual de Calidade e os procedementos que marcan a forma de traballar en procesos como titulacións, docencia, información pública ou recursos humanos e materiais e servizos. Cinco anos máis tarde a facultade participou na convocatoria piloto de ACSUG de certificación de implantación do SGC, co obxectivo de demostrar e asegurar que todos o procedementos do Sistema de Garantía de Calidade estaban despregados e aplicábanse correctamente. “Neste proceso fomos pioneiros en Galicia, xunto á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O proceso foi favorable e outorgaron ao centro o correspondente certificado de implantación do SGC e a Universidade o ‘Q’ de calidade”, explica o decano do centro, Jesús Míguez Miramontes.

Esta certificación, que ten unha validez de seis anos e caducaba en novembro destes 2019 , acaba de ser renovada despois que o equipo decanal, que rematou o seu mandato a finais deste mes, solicitase á ACSUG adiantar o proceso de renovación. “Quixemos deixar feita a renovación da certificación, polo que a través da Área de Calidade, contactouse coa ACSUG, que aceptou adiantar o proceso ao mes de marzo”, explica o decano, que sinala que, o proceso implicou unha revisión de toda a documentación do SGC, ademais dunha auditoría no centro a cargo dunha comisión externa de catro persoas. A consecución desta renovación distingue á Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo como “o primeiro centro do Sistema Universitario Galego que ten chegado a este nivel. É dicir, mentres que moitos outros centros nin sequera acadaron o primeiro paso da certificación da implantación do SGC, nós xa estamos de volta tras seis anos de traballo coa implantación feita”, destaca o decano.

Ler a noticia completa no DUVI