A páxina web na que te atopas pretende ser a porta de entrada á Facultade de Bioloxía, polo que che dou a máis cordial benvida en nome de todos os que formamos parte do centro. O noso obxectivo é presentarnos coma un centro de formación e investigación adaptado aos novos tempos, dinámico, innovador e con visión de futuro, conservando as nosas peculiaridades e tratando de mellorar nos niveis de calidade docente e investigadora.

A Facultade de Bioloxía imparte os estudos especializados de Grao en Bioloxía e varios mestrados de ámbito biolóxico. O Grao en Bioloxía é unha titulación enfocada á preparación profesional ligada aos campos de ciencias da vida, gozando na actualidade dunha elevada demanda social. Para os graduados que desexen unha maior especialización, a facultade oferta varias titulacións de mestrado en diferentes ámbitos da bioloxía: Acuicultura, Biotecnoloxía Avanzada, Bioloxía Mariña, Neurociencia, Xenómica e Xenética, Biodiversidade Terrestere e Formación do Profesorado. Son moitos os alumnos da nosa universidade, pero tamén procedentes doutras universidades nacionais e estranxeiras, os que cursan estos estudos que permiten dotarse de mellores expectativas a nivel profesional.

A investigación é outro dos pilares fundamentais da Facultade de Bioloxía e un dos motivos do prestixio gañado dende a súa creación. Os grupos de investigación da facultade desenvolven numerosos proxectos do máis alto nivel e dan orixe a un elevado número de teses de doutoramento que permiten formar investigadores moi cualificados. A actividade científica compleméntase cunha variedade de programas de doutoramento do ámbito biolóxico que son ofertados pola Universidade de Vigo e que, en gran medida, se desenvolven nos nosos laboratorios e instalacións de investigación.

Para cumprir con eficacia a función docente e investigadora, a facultade conta cunha extensa plantilla de profesores especializados e persoal técnico e administrativo de apoio que, xunto coa ampla dotación de laboratorios e aulas, constitúen unha contorna de alta calidade para a formación dos nosos estudantes. Pero ademáis, o estudante atopará un apoio titorial permanente e unha ampla variedade de actividades extra-académicas. Todo iso resposta á convicción de que a formación universitaria debe ser íntegra, favorecendo a adquisición e consolidación de valores humanos, o razoamento crítico e a mentalidade aberta e, en definitiva, na procura de que os nosos titulados sexan tamén mellores persoas.

Finalmente, quero sinalar que a Facultade de Bioloxía recibiu un selo de certificación da calidade outorgado pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que garante un estándar na formación dos nosos estudantes e na adquisición de competencias que faciliten o seu futuro profesional coma biólogos. Có ánimo de proseguir no camiño da mellora continua, animo a todos os que nos visitades a través desta páxina web a que vos sintades parte da nosa facultade e aportédes as vosas suxestións para facernos mellores día a día.

 

Recibide un cordial saúdo,

Mercedes Gallardo Medina

Decana