Como cada outono e no marco da celebración do seu patrón, o San Alberte, a Facultade de Bioloxía pon en marcha unha nova edición do Concurso de Fotografía Científica. O obxectivo é buscar a mellor instantánea que reflicta os aspectos máis espectaculares, descoñecidos ou curiosos da ciencia e o certame está aberto a calquera membro a da comunidade universitaria, con independencia do campo, centro ou función que desenvolvan.
As persoas que desexen participar nesta nova edición, a número 22, poderán presentar ata un máximo de tres obras, que deben ser inéditas e poden ser tanto en branco e negro como a cor, e realizadas con calquera técnica. O tamaño mínimo das fotografías será de 10x15 cm e o máximo de 20x30 cm. As obras deberán ir montadas sobre cartolina, cun marco de polo menos 2 cm onde figurará o título da obra. Cada participante entregará dous sobres cerrados: un deles, marcado externamente coa palabra “obra”, conterá as obras identificadas cun pseudónimo; no outro sobre, indicarase externamente o “pseudónimo elixido”, e incluirá o nome do autor, teléfono e correo electrónico. O prazo de admisión de fotografías comezará o 3 de novembro e rematará o 7 de novembro ás 20.00 horas e as obras depositaranse na Biblioteca do edificio de Ciencias Experimentais.
“Un día de pura e excelente neurociencia made in Galicia”. Así se referiu o profesor Manuel Ángel Pombal Diego, presidente do comité organizador e coordinador do Máster en Neurociencia na UVigo, ás XX Xornadas para Xoves Investigadores en Neurociencia, unha actividade coorganizada polas tres universidade públicas galegas como “marco idóneo” no que as persoas que se incorporan á actividade investigadora a través do Máster Universitario en Neurociencia poidan discutir con docentes e investigadores sénior os seus proxectos e os resultados dos seus traballos de investigación.
A cita arrancou a primeira hora deste venres na Facultade de Bioloxía cun acto de apertura que contou coa participación da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a decana da Facultade de Bioloxía, Mercedes Gallardo; o coordinador xeral do Máster en Neurociencia, Miguel Ángel Rodríguez Díaz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; e o presidente do comité organizador e coordinador do máster na Universidade de Vigo, Manuel Ángel Pombal Diego.
Acaba de arrancar un mes moi intenso de eventos no campus de Vigo. Todas as escolas e facultades viguesas elixiron diferentes datas de xuño para a celebración destes clásicos eventos que marcan o fin dunha etapa académica para comezar ou ben novos estudos ou ben arrancar no mundo laboral. En total, entre todos os actos das escolas e facultades do campus de Vigo recibirán as súas bandas 1032 estudantes.
Un dos centros máis madrugadores será a Facultade de Filoloxía e Tradución, que elixiu como data para o seu acto este venres 6 de xuño, ás 17.00 horas. Se as condicións climatolóxicas o permiten, o evento reunirá nas gradas exteriores aos 130 novos titulados dos graos en Filoloxía Aplicada Galega e Española, de Linguas Estranxeiras e de Tradución e interpretación. Os padriños serán, respectivamente, os profesores Xosé Antonio Fernández Salgado e Ana Varela; Esperanza Rama; e Valentina Marta Rodríguez e Neal Baxter. No transcurso do acto intervirá a cantante María Xosé Silvar, Sés.
“Quiñón”, “augas de pilla pillota e de torna a torna”, “serventía”, “esteiro”, “petróglifo”, “choupín” ou “fungo” son palabras que teñen en común, ademais de pertencer aos ámbitos xurídico, medio ambiental e micolóxico, que reflicten un vínculo entre o coñecemento especializado e a identidade galega. Estes termos sumados a outros 26 integran o primeiro glosario Escolma de termos científicos, un mini-diccionario de vocabulario científico e técnico, unha iniciativa da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, co obxectivo de recoller e conservar termos científicos enxebres, procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio.
Os docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro son os autores da escolma de termos nos ámbitos do dereito, o medio ambiente e a micoloxía, respectivamente, que se corresponden coas súas áreas de investigación e que escolleron pola súa relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia. “Normalizar o uso do idioma propio no ámbito educativo, facer visible o traballo investigador que se realiza na Universidade de Vigo en galego e apoiar a investigación científica nesta lingua”, son os obxectivos da publicación, segundo explicou a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, no acto de presentación do volume, que tivo lugar este mañá no edificio Redeiras.
As facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química celebran esta semana a festividade do seu patrón, San Alberte, e fano cun amplo programa de actividades aberto á participación de toda a comunidade universitaria. Ao longo de toda a semana o edificio de Ciencias Experimentais, que acolle os tres centros, convértese nunha particular sala de exposicións e auditorio con charlas de distintos especialistas sobre temas de actualidade.
As actividades arrancaron onte luns coa xa tradicional exposición de cogomelos, organizada pola spin-off da UVigo MycoGalicia Plantae, no vestíbulo principal do edificio, á que este ano se suma unha nova alternativa, a mostra itinerante Golfiños na proa, organizada con material cedido pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, Cemma, exposto tanto no vestíbulo como no salón de actos. Inclúense 12 paneis explicativos dos mamíferos mariños, nos que se trata de responder a múltiples preguntas -De que se alimentan as baleas? E os cachalotes? Onde teñen o seu hábitat natural as toniñas e os arroaces?, etc.- e diferentes pezas, desde unha costela cunha balea común ata o cranio dunha toniña ibérica, dun golfiño común ou dunha tartaruga de coiro.
O campus de Vigo acolle este venres a celebración da fase autonómica da XIX Olimpíada de Bioloxía, da que sairán os tres estudantes que representarán a Galicia na fase nacional, que se terá lugar en Valencia do 18 ao 21 de abril.
Esta décimo novena edición da olimpíada celebrouse na Facultade de Bioloxía da UVigo, organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades galegas e a Xunta de Galicia. En total, clasificáronse para a cita deste venres 80 estudantes de 39 institutos das catro provincias que, ao longo da xornada, tiveron en enfrontarse a unha proba teórica e catro prácticas. O fin das olimpíadas de bioloxía é fomentar os estudos relacionados con esta disciplina e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español.