
O Programa de Desenvolvemento Estratéxico da Facultade de Bioloxía enmárcase no obxectivo que mantén a Facultade dende fai máis de quince anos de buscar a mellora continua na súa forma de actuar, guiándose neste caso polo procedemento estratéxico DE01 do seu Sistema de Garantía Interna de Calidade. O marco de referencia principal que serviu como punto de partida foi o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo (aprobado polo Claustro o 16 de decembro de 2020), o cal define á propia Universidade como “institución pública, autónoma, aberta á contorna e con vocación internacional, que promove a igualdade, a pluralidade, a accesibilidade, a sustentabilidade, a transparencia, o progreso económico e o benestar social de Galicia”. Con este referente, a Facultade de Bioloxía pretende, mediante o seu Programa de Desenvolvemento Estratéxico, contribuír á consecución da misión da Universidade, enfocando as súas liñas estratéxicas e obxectivos cara aos retos establecidos pola institución da que forma parte.
O Programa de Desenvolvemento Estratéxico é un documento central para o futuro da Facultade de Bioloxía, que xorde da reflexión colectiva e que asenta as súas raíces e a súa
identidade nunha proposta formativa actualizada, atractiva e conectada de forma estreita coa contorna. Así mesmo, recoñece o valor da investigación, piar fundamental para a actividade docente de calidade e que contribúe á xeración de coñecemento, enriquecendo o medio no que os estudantes se forman e adquiren competencias para afrontar con éxito o seu futuro profesional. Nesta mesma liña, o Programa pon en valor a contorna na que realizan a súa actividade os distintos colectivos da Facultade, velando por un uso eficiente e sostible dos recursos e a mellora da satisfacción, e trata de impulsar a súa proxección externa estreitando a relación cos empregadores e a sociedade en xeral.