Nesta recta final de curso as escolas e facultades sucédense na celebración dos actos de despedida das novas promocións de graduados universitarios. Na tarde deste venres foi a quenda da Facultade de Bioloxía, que acolleu o acto de graduación da sétima promoción do seu grao, con 61 novos titulados e tituladas que remata a etapa universitaria. O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, que os felicitou polo esforzo e traballo desenvolvido nos últimos catro anos, que lles permitiu chegar a onde están agora. Xunto con el tamén recibiron os parabéns do decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Pelayo Míguez e do decano da facultade, Jesús M. Míguez, que deu a benvida a todas e todos ao “día máis sinalado do ano, o máis bonito e agradable”.
Esta nova promoción elixiu como madriña á profesora Aida García Molares, Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e como padriño ao catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela, Ángel Carracedo. O decano da facultade deulles a noraboa aos estudantes desta sétima promoción que, “con moito esforzo e dedicación están a rematar os seus estudos” e remarcou, lembrando cando lles deu a benvida ao centro catro anos atrás, que “para nós sodes o froito de catro anos de formación, para vos é un desexo de ver cumprida, nunca totalmente, unha vocación tan bonita como a da bioloxía, pola que paga a pena calquera esforzo”.