As facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química celebran esta semana a festividade do seu patrón, San Alberte, e fano cun amplo programa de actividades aberto á participación de toda a comunidade universitaria. Ao longo de toda a semana o edificio de Ciencias Experimentais, que acolle os tres centros, convértese nunha particular sala de exposicións e auditorio con charlas de distintos especialistas sobre temas de actualidade.
As actividades arrancaron onte luns coa xa tradicional exposición de cogomelos, organizada pola spin-off da UVigo MycoGalicia Plantae, no vestíbulo principal do edificio, á que este ano se suma unha nova alternativa, a mostra itinerante Golfiños na proa, organizada con material cedido pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, Cemma, exposto tanto no vestíbulo como no salón de actos. Inclúense 12 paneis explicativos dos mamíferos mariños, nos que se trata de responder a múltiples preguntas -De que se alimentan as baleas? E os cachalotes? Onde teñen o seu hábitat natural as toniñas e os arroaces?, etc.- e diferentes pezas, desde unha costela cunha balea común ata o cranio dunha toniña ibérica, dun golfiño común ou dunha tartaruga de coiro.
O campus de Vigo acolle este venres a celebración da fase autonómica da XIX Olimpíada de Bioloxía, da que sairán os tres estudantes que representarán a Galicia na fase nacional, que se terá lugar en Valencia do 18 ao 21 de abril.
Esta décimo novena edición da olimpíada celebrouse na Facultade de Bioloxía da UVigo, organizada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades galegas e a Xunta de Galicia. En total, clasificáronse para a cita deste venres 80 estudantes de 39 institutos das catro provincias que, ao longo da xornada, tiveron en enfrontarse a unha proba teórica e catro prácticas. O fin das olimpíadas de bioloxía é fomentar os estudos relacionados con esta disciplina e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español.