Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO)

O Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) é un centro multidisciplinar no que se traballa nas principais áreas de investigación en Biomedicina. Xurde coa finalidade de crear unha infraestrutura común para os investigadores especializados en biomedicina da Universidade de Vigo.

 

Desde o CINBIO trabállase na investigación básica, aplicada e clínica, entre os profesionais implicados hai médicos, químicos, biólogos, bioestatísticos e enxeñeiros. O centro facilita o intercambio de coñecementos, recursos e tecnoloxía entre os grupos e con organismos externos como outras universidades, centros de saúde, gobernos rexionais, locais e industrias relacionadas.

Web do CINBIO

 

Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT)

A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é un edificio modular, flexible e funcional que pon a disposición da comunidade universitaria e doutras institucións públicas ou privadas as instalacións axeitadas para o traballo con auga de mar e cultivos mariños, tanto a escala experimental como de planta piloto.

 

A ECIMAT conta con tres unidades:

Cultivos Mariños

A unidade de Cultivos Mariños conta coas instalacións necesarias para o subministro de organismos mariños cultivados relevantes para a investigación: microalgas (stock de 34 especies), Artemia, rotíferos, obtención de fases larvarias e xuvenís de crustáceos, moluscos e peixes.

Medio Mariño

Esta unidade dispón da infraestrutura necesaria para a mostraxe de auga mariña, plancto e bentos: pañol de buceo co equipamento necesario para mergullo autónomo, pantalán para barcos de pequeno calado e experimentación científica, embarcación pneumática semirríxida (zodiac) de 5.5 m e cruceiro de 7.5m equipado con material de prospección oceanográfica.

Calidade ambiental

A unidade de Calidade ambiental encárgase da determinación de parámetros físico-químicos de augas in situ e no laboratorio e a execución de bioensaios para a determinación de contaminación química e sedimentos mariños. Esta unidade ofrece ademais servicio de procesado histolóxico de mostras de organismos mariños e equipos de microscopía e análise de imaxe.

Web da ECIMAT

 

Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI)

O Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación, coñecido polo acrónimo de CACTI, foi e é unha aposta da Universidade de Vigo pola investigación básica e aplicada de calidade no ámbito nacional e internacional desde o ano 1991.

 

O CACTI ten como obxectivo a adquisición, xestión e utilización centralizada de grandes equipamentos científicos coa vocación de proporcionar apoio científico e tecnolóxico tanto ós membros da Comunidade Universitaria como ós Organismos Públicos de Investigación (OPIs), no ámbito nacional e internacional, e entidades privadas do noso entorno.

O CACTI cubre os servizos máis punteiros da investigación científica: Determinación Estrutural, Proteómica e Xenómica, Nanotecnoloxía e Análise de Superficies, Microscopía Electrónica, Desenvolvemento Sostible e Seguridade Alimentaria (nos Campus de Vigo e Ourense), Detección Remota, Taller de Mecanizado e Taller de Electrónica e Calibración. Así, o CACTI nas dúas sedes de Vigo e Ourense, configúrase como un centro dotado dunha moi alta infraestrutura de investigación sen comparación no noso entorno xeográfico.

Web do CACTI