banner

Investigación

A investigación constitúe unha importante actividade da Facultade de Bioloxía. A actividade investigadora lévase a cabo por diferentes Grupos de Investigación onde se integran investigadores que traballan nos distintos ámbitos da bioloxía.

A facultade conta con laboratorios das distintas especialidades dotados de modernos equipos científico-tecnolóxicos que posibilitan a investigación ao máis alto nivel. As especialidades dos nosos laboratorios inclúen Botánica, Bioloxía Celular e Histoloxía, Bioquímica e Bioloxía Molecular, Fisioloxía Animal, Fisioloxía Vexetal, Xenética, Microbioloxía e Parasitoloxía, Zooloxía, Edafoloxía, Ecoloxía, Inmunoloxía, Antropoloxía e outras. Asimesmo, os grupos de investigación asentados na facultade contan con apoio científico doutros centros da propia Universidade de Vigo, como son o CACTI (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación) e a ECIMAT (Estación de Ciencias Marítimas de Toralla). Diversos grupos de investigación da facultade integranse no Campus do Mar que recentemente obtivo a mención de Campus de Excelencia Internacional.

Por iso, os estudiantes que acceden á Facultade de Bioloxía intégranse nun espazo científico onde se realiza unha investigación de excelencia con gran proxección nacional e internacional. A produción científica dos nosos grupos de investigación, onde se integra o persoal docente e investigador, é elevada, materializándose en numerosas Teses de Doctoramento, libros, artigos científicos, informes, conferencias e comunicacións a congresos, cuxo número e calidade increméntanse ano a ano.

Os alumnos poden acceder ao traballo que se realiza nos grupos de investigación por diversas vías, en particular durante o derradeiro curso da titulación, dentro da materia Traballo Fin de Grao, na que con apoio dun titor, poden desenvolver pequenos traballos de investigación nas liñas temáticas propostas polos profesores da facultade. Outra vía de acceso dos alumnos á actividade investigadora son as bolsas de colaboración que distintos organismos oficiais (Xunta de Galicia, MEC) ofrecen para a iniciación á carreira científica.

Con posterioridade á obtención do título de graduado, os alumnos poden encauzar o seu futuro profesional hacia a actividade investigadora a través dos diversos Mestrados e Programas de Doutoramento que ofrece a Facultade de Bioloxía e/ou ofertados por outros centros nacionais ou internacionais.