As prácticas realizadas en entidades externas (empresas, institucións) constitúen unha materia de 6 ECTS, denominada Prácticas Externas, de carácter optativo, ofertada no segundo semestre do derradeiro curso do Grao en Bioloxía. Estas prácticas teñen coma obxecto facilitar a preparación do alumnado para o exercicio profesional a fin de mellorar a súa incorporación ao mundo laboral

Para poder realizar prácticas externas, o alumnado debe ter superados polo menos o 50% dos créditos da titulación (120 ECTS) e a entidade receptora debe ter asinado un convenio de cooperación educativa coa Universidade de Vigo. O noso centro ten convenios cunhas 100 entidades públicas e privadas.

Os estudantes poden poñerse en contacto con outras entidades externas do seu interese e, tras a sinatura do convenio correspondente, adxudícaselles dita praza de prácticas (prácticas externas con candidato).

Para o desenvolvemento das prácticas aprobouse en Xunta de Facultade o Regulamento de Prácticas Externas da Facultade de Bioloxía, elaborado seguindo a normativa correspondente do MEC e da Universidade de Vigo, no que se regula toda a xestión relacionada co proceso de solicitude, adxudicación, realización e avaliación das prácticas.

Na actualidade, as prácticas externas hai que formalizalas a través da aplicación informática desenvolvida para tal fin; polo tanto, é necesario que o coordinador da materia dispoña de toda a información necesaria (Anexo I) cunha semana de antelación ao inicio previsto das prácticas.

Durante a realización das prácticas externas, o alumnado conta coa supervisión dun/a titor/a na entidade receptora (titor/a externo/a), que debe ser titulado/a superior, e un/a titor/a na facultade (titor/a académico/a), encargados de velar polo correcto desenvolvemento do proxecto formativo establecido ao comezo das prácticas e incluído no documento de formalización da práctica (Anexo I). Este documento, xunto co Anexo II (Declaración responsable da entidade colaboradora) e o Anexo III (Compromiso do/a estudante), debe estar debidamente firmado ANTES de iniciar o período de prácticas.

A avaliación das prácticas inclúe a cualificación polo titor externo da actividade desenvolvida polo estudante (Anexo IV) e a cualificación que o titor académico fai da memoria de prácticas presentada polo estudante (Anexo V).

Por outra banda, o estudantado tamén deberá opinar sobre as prácticas externas (Anexo VI).

Ademais, existen outros tres documentos: Anexo VII (Solicitude de modificación da práctica), Anexo VIII (Solicitude de rescisión ou renuncia da práctica) e Anexo IX (Certificado de participación como titor/a na entidade colaboradora).

Toda a información sobre as prácticas externas realizadas por cada estudante recóllese no certificado acreditativo correspondente (Anexo X) que se incorpora ao seu expediente académico.

 

Prácticas externas curriculares 2022/2023

  • Oferta de prazas
  • Listaxe provisoria de asignación de prazas
  • Listaxe definitiva de asignación de prazas

 

Coordinación das prácticas

Juan Pérez Fernández

+34 986 130 301
jperezf@uvigo.gal