A aposta pola calidade e mellora continua ten sido o eixo vertebral da facultade, pretendendo que sexa un centro de referencia na universidade e fora dela. Coas miras postas en acadar este reto deseñouse xa o primeiro Plan Estratéxico da Facultade de Bioloxía (2005/2007) que establecía uns obxectivos de actuación que permitiran guiar á facultade cara o camiño da excelencia. De dito plan tamén derivou a nosa misión e visión, que segue sendo na actualidade o referente do noso centro, así como o noso lema “o teu éxito, o noso éxito” que está na cabeceira do noso plan de promoción.

A misión da Facultade de Bioloxía é a formación de Titulados en Bioloxía con coñecementos actualizados, capacidades autónomas de aprendizaxe e plena competencia para desenvolver a profesión de biólogo.

Para iso é imprescindible que o seu persoal docente e investigador promova a actividade docente de calidade e contribúa á xeración de coñecementos mediante a investigación, participando na difusión dos seus resultados nas súas posibles aplicacións na contorna social e formando novos investigadores.

O estudantado ten o deber de esforzarse en acadar os obxectivos da titulación, participar en todas as actividades da titulación e da súa xestión académica coa fin de obter o máximo rendemento académico.

O persoal de administración e servizos actuará como axente facilitador das tarefas mencionadas, axilizando trámites, mantendo infraestruturas e servindo de cauce no desenvolvemento de toda actividade vencellada á titulación.

O éxito destes logros por parte de todos os grupos de interés, será o éxito da titulación.

A fin de cumprir coa misión que se ten imposto, a Facultade de Bioloxía definiu uns obxectivos estratéxicos que, aínda que ambiciosos, deben ser acadables nun prazo determinado e permitir a súa proxección cara o futuro.

A visión da Facultade de Bioloxía se resume no seguinte:

  • Formar biólogos e titulados profesionais con capacidade de organización, planificación, análise e síntese, que poidan proporcionar servizos de calidade aos ciudadáns mediante un razoamento crítico e aprendizaxe continuo.
  • Fomentar o espíritu de investigación para contribuir ao avance científico e tecnolóxico. A transmisión de dito coñecemento á sociedade e a formación de novos investigadores será a mellor tarxeta de presentación.
  • Ser unha facultade de referencia no mundo universitario, potenciando a súa posición na Universidade de Vigo, mediante unha política e obxectivos dirixidos a potenciar a cultura de mellora continua e a aposta pola calidade das súas titulacións.