banner

A Facultade de Bioloxía participou na I Xornada de Orientación

Estudantes de 26 institutos da provincia de Pontevedra “tomaron” este xoves o campus de Vigo na I Xornada de Orientación da Universidade de Vigo.

Organizada polo Siope, Sección de Información Orientación e Promoción do Estudante, co financiamento das vicerreitorías de Extensión Universitaria e de Estudantes, Campus do Mar e o Consello Social, nesta xornada de orientación a Universidade de Vigo abriu as súas portas ao alumando de bacharelato para amosar a través de charlas, stands informativos e obradoiros as titulacións que se están a impartir nos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo, así como todos os servizos que se ofertan na institución académica.

Moitos deles se achegaron ao noso stand (cheo de mostras de todo tipo) e amosaron interese na oferta da Facultade de Bioloxía.

“Para nós a bioloxía é a vida e como tal amosámosllo e para iso trouxemos desde mostras de microbioloxía, exemplares de parasitoloxía como tenia ou anisakis e mesmo plantas cultivadas en frascos de cristal para clonar ou para recuperar, como é o caso do Eryngium, unha especie en extinción en Galicia e coa que estamos a traballar na facultade para recuperala”, explicou Mercedes Gallardo, vicedecana de Calidade e Innovación da Facultade de Bioloxía.


Máis información no DUVI