banner

Un cento de estudantes de Secundaria participaron na Olimpíada Galega de Bioloxía

As persoas gañadoras participarán na fase nacional, que se celebrará en Badajoz en abril

Máis dun cento de estudantes de ensino secundario de toda Galicia déronse cita ao longo do pasado venres no campus de Vigo na XIII fase autonómica da Olimpíada Española de Bioloxía. Esa mañá os estudantes enfrontáronse ás diferentes probas de nivel, tanto teóricas como prácticas, e das que sairon as e os gañadores, que representarán a Galicia na fase nacional, que se celebrará en Badajoz do 12 ao 15 de abril de 2018.


Este evento, co-organizado pola asociación da Olimpiada Española de Biología (OEB), o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, ten como obxectivo fomentar os estudos relacionados coa Bioloxía e promover o interese na investigación científica entre os estudantes do sistema educativo español. En total, participaron 105 estudantes de segundo de Bacharelato de 31 centros de secundaria da comunidade autónoma galega, 16 da provincia da Coruña (A Coruña, Ames, As Pontes, Boiro, Cambre, Culleredo, Ferrol, Melide, Narón, Noia, Oleiros e Santiago de Compostela), 11 de Pontevedra (Caldas de Reis, Cangas do Morrazo, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa), un de Ourense (Ourense cidade) e tres de Lugo (Lugo, Meira, Monforte), cun máximo de catro estudantes por centro educativo. O certame consistiu na resolución dunha proba teórica tipo test e varias probas prácticas de laboratorio de diferentes ámbitos da bioloxía, centrados na base molecular e fisicoquímica da vida. As probas prácticas é a primeira vez que se celebran na fase autonómica.


Ler a noticia completa no DUVI


A xornada completouse coa entrega de diplomas aos participantes, da man de Dña. Edita de Lorenzo, Comisionada do Vigo Tecnolóxico, os decanos das facultades de Bioloxía de Galicia, o decano do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, Pelayo Míguez, e o delegado Institucional do COBGA na Olimpíada Española de Bioloxía, Pablo Fernandes.

Neste acto, puidemos coñecer tamén aos gañadores desta primeira fase autonómica:

  • Denís Arribas Blanco (IES do Castro - Vigo)
  • Javier Pérez Martínez (IES Otero Pedrayo - Ourense)
  • Pedro Vieites Pérez (IES Rosalía de Castro - Santiago de Compostela)